Etiquetas

pintura

Nesta actividade, procuraremos imaxes para ilustrar unha serie de textos. Publicarémolo no noso propio blog co título “Actividade: as imaxes + número de texto”.

1.- As bandas sonoras

En sentido amplo, unha banda sonora orixinal ou unha BSO (do inglés Soundtrack ou OST) é a parte do son completo e os resultados da edición de diferentes pistas sonoras dunha creación audiovisual. Inclúense por tanto os diálogos, os sons e a música así como os acompañamentos paralelos. Non obstante, normalmente o termo utilízase nun sentido máis restrinxido e refírese só á música do filme ou mesmo á comercialización dos temas musicais dunha obra como os videoxogos, o software, a televisión ou a radio.

Dende un punto de vista musical, enténdese como banda sonora orixinal a música, tanto vocal como instrumental, composta expresamente para unha obra, especialmente un filme, cumprindo o propósito de mellorar as emocións que as imaxes, os sons e os diálogos non poden expresar por si sós.

No sentido físico, a banda sonora dun filme pode ser de dous tipos: magnética ou óptica. No primeiro caso, unha ou máis bandas de gravación pasan polas beiras da cinta magnética da película. Estas liñas teñen que ser lidas por un dispositivo en sincronía coa proxección das imaxes, de forma que os sons son xerados de forma semellante ao que facía un lector de cinta. No caso de bandas sonoras ópticas, son áreas claras e escuras nun ou en ambos lados da cinta da película. As diferentes intensidades de luz son convertidas en impulsos eléctricos para crear a banda sonora. Actualmente xa se están usando sistemas dixitais.

Nos últimos anos, algúns compositores famosos foron: John Williams, Joe Hisaishi, Hans Zimmer, James Newton Howard, Danny Elfman, Basil Poledouris, James Horner, Vangelis, Nicola Piovani ou Ennio Morricone.

2.- A vexetación de Galicia

A vexetación de Galicia caracterízase por posuir unha flora moi heteroxénea entre a que se atopan carballos, abeleiras, bidueiros, sobreiras, aciñeiras, piñeiros, acacias, salgueiros, loureiros, pradairos, freixos, eucaliptos, ou érbedos, por mor de que esta vexetación se atopa en lugares de confluencia dos dous tipos de clima de Galicia, o oceánico ou atlántico e o mediterráneo. O bosque orixinal ou primario galego é a fraga, e a árbore por excelencia o carballo, que forma carballeiras. O bosque de ribeira vese dominado polo ameneiro. Tamén son abundantes as matogueiras nas zonas altas: uceiras, toxos e xestas dominan estas formacións polo xeral. A acción do home modificicou a paisaxe galega dende a antiguidade coa agricultura. Coa introdución de especies exóticas dende hai uns 150 anos, principalmente piñeiros e eucaliptos, as formacións galegas mudaron moito. Os incendios forestais son un problema engadido que favorece a perda de biodiversidade.

En xeral a vexetación existente nun territorio depende das características de tres factores, o solo, o clima e a acción antrópica.

Galicia caracterízase polo predominio de substratos acedos e de cursos de augas oligótrofas, así como pola oceaneidade do clima e a escasa incidencia do período de seca estival, aínda que esta aumenta progresivamente de norte a sur.

[Todos os textos foron tirados da Galipedia]

Advertisements