Etiquetas

,

Ademais da configuración do noso blog, moitas das posibilidades que nos achega esta ferramenta encontrarémolas a través da creación de artigos e das múltiplas accións que isto nos permite. Entre as principais, atopamos:

  1. Texto
  2. Incluír imaxes
  3. Incluír arquivos
  4. Incrustar elementos externos (presentacións, galerías de imaxes, vídeo, son…)

O texto

Esta imaxe correspóndese co formulario de edición de artigos, de posts, en WordPress. É importante estarmos familiarizados con el e coñecer as súas funcionalidades.

No que refire ao cadro de edición do texto, alén das posibilidades básicas que permite na edición de texto no que refire ao seu formato e organización, similares á maioría dos editores de texto, é importante tirar rendemento da opción inserir/editar ligazón.  Esta permitirá vincular determinado fragmento textual a un contido web. As ligazóns permiten mellorar a experiencia do usuario, aínda que é preciso termos en conta as seguintes máximas:

  1. Non debemos incluír moitas ligazóns. Ralentizarán a lectura.
  2. Deben resultar relevantes. Se unha ligazón non engade nada novo ou que non estea en relación co tema tratado, carecerá de valor.

Fóra do propio cadro de edición, tamén son importantes tres dos recadros laterais da pantalla de edición de artigo: publicar, categorías e etiquetas.

Recadro Publicar

Deteñámonos nos diferentes cadros e opcións que nos ofrece:

  • Estado. Podemos escoller entre Borrador ou Pendente de revisión. Isto ten importancia, por exemplo, en casos nos que o profesor guía a aula desde un blog ou cando traballamos colaborativamente.
  • Visibilidade. Permite escoller entre que a publicación sexa visible por todas as persoas con acceso ao blog ou limitar mediante diferentes opcións o seu acceso. Pódese aproveitar esta posibilidade, por exemplo, cando traballamos nun blog de aula na que existen diferentes grupos de alumnos realizando diferentes traballos. Deste xeito, podemos dirixir certas publicacións a grupos en concreto.
  • Publicar en: permite a publicación en diferido do artigo. Permite unha mellor organización temporal da labor como administrador do blog.
  • Divulgar: de termos vinculado o noso blog a algunha conta dunha rede social, a publicación reflectiríase nesta. Pode ser de interese, poñamos por exemplo, no caso dun blog dirixido a nais e pais con convocatorias e que estean vinculados ao centro a través dalgunha rede social.

Recadro Categorías

Permite situar o blog nas diferentes categorías que teñamos creadas no noso blog.

Recadro Etiquetas

Sinalar as etiquetas coas que queremos marcar a nosa publicación. É importante entendermos a diferenza entre unha categoría e unha etiqueta:

    • As categorías pódense organizar xerarquicamente e as etiquetas non
    • Unha categoría pode funcionar como unha etiqueta, pero unha etiqueta non pode funcionar como unha categoría.
    • As etiquetas achegan meta-información (información sobre a información).
    • As etiquetas resultan máis efectivas á hora de que os buscadores encontren información do noso blog.

[Ligazón de interese: consellos para a redacción dun post nun blog [ES]]

Advertisements