Etiquetas

, , ,

typewriter_girl

Ben, vimos de ver moitas das posibilidades que nos permite WordPress. Traballamos ao redor da súa organización, das diferentes configuracións de privacidade ou apariencia, do establecemento dunha política sobre os comentarios… todo orientado e guiado pola finalidade e o uso que lle vaiamos dar a esta ferramenta. Ademais, percorremos, un por un, os diferentes elementos que poden formar parte dos artigos dun blog: textos, imaxes, arquivos e elementos externos.

Agora é o momento de empregar estas ferramentas para o deseño de propostas para a aula. Non se trata, logo, de amosar un modelo de traballo único, de nos pechar a un marco ríxido. Non. Debemos intentar tirar rendibilidade das múltiplas posibilidades de uso que nos ofrece para mellorar a experiencia na aula.

Achegaremos, a modo de exemplos, unha serie de posibles usos concretos e diferentes dinámicas para a aula nas que se empregarían blogs, sexa como eixe central destas, sexa como ferramenta dentro dunha programación superior.

Exemplo 1. Blog como eixe central

Unha proposta na que o blog sexa o eixe central é a do uso del como un pequeno xornal do alumno. A proposta que se vai amosar está pensada para unha aula de lingua e literatura. Non imos a nos deter por exceso nos contidos e competencias a desenvolver a través da actividade, faremos fincapé no emprego e configuración do blog.

  1. Contidos. Redacción de novas e artigos xornalísticos.
  2. Obxectivos. Aumentar coñecementos e competencias na redacción de textos de tipo xornalístico e as características dun blog persoal.
  3. Desenvolvemento:
    1. Organización temporal.
      1. Creación e configuración dos blogs [1 sesión]
      2. Creación e xestión de contidos, de xeito guiado [6 sesións]
      3. Presentación e defensa final do traballo realizado [1 sesión]
    2. Material e instalacións.
      1. A actividade desenvolverase nunha aula informática con acceso á Internet.
    3. Características do blog.
      1. Administrador e usuarios: blog persoal de cada alumno, un único usuario administrador.
      2. Privacidade: público
      3. Xestión da conversa: o administrador (o alumno) deberá aprobar os comentarios antes de seren publicados.
      4. Páxinas:
        1. Principal: onde irán subidas as novas e as actividades realizadas polo alumno.
        2. Quen son?: perfil do alumno autor do blog. Mesmo modelo para todo o alumnado.
        3. Que é isto?: descrición da actividade. A mesma para todo o alumnado.
      5. Categorías: a fixarse segundo a tipoloxía programada para os artigos (novas, artigos de opinión, entrevistas…)
      6. Público ao que está dirixido: ao propio alumnado, mais tamén aberto ao público en xeral.
      7. Liña gráfica: fixada mediante certas pautas por parte do profesorado.
      8. Periodicidade das publicacións: cada sesión de aulas, coa posibilidade de que se elaboren contidos fóra da aula (dependendo do acceso a equipos informáticos con conexión á rede do alumnado).
      9. Ligazóns: blogroll cos blogs dos seus compañeiros de aula.
  4. Proposta de actividades.
    1. Redacción de artigos: crónicas, novas, artigos de opinión, entrevistas, investigacións…
    2. Exercicios de escrita creativa: elaborar novas a partir de titulares dados, elaborar novas a través de imaxes dadas, elaborar novas a partir dun comezo dado…
    3. Emprego de elementos multimedia: creación de vídeos orixinais, integración de son nos artigos, integración de presentacións…
    4. Dinamización e xestión da conversa: realizacións de enquisas online.
  5. Avaliación. Avaliación continua durante o desenvolvemento da actividade e tamén avaliación tras a defensa realizada na última sesión na aula.

Exemplo 2. Blog como ferramenta

Agora imos propoñer o uso do blog na aula para unha programación non centrada neste, senón como unha ferramenta de uso. Isto é, a creación do blog non fará parte dos contidos centrais, mais si que axudará no desenvolvemento da programación. A seguinte proposta, ademais, non se vai centrar nunha materia en concreto e fica aberta á súa adaptación e modificación para cada un dos marcos de coñecemento do ensino que queiramos abarcar.

Propoñemos o emprego do uso do blog como un caderno do alumno. Imos definilo e ver as súas posibilidades:

  • Que? Un blog persoal de cada alumno no que publicará e elaborará as actividades propostas na aula, sexan actividades do día a día, sexan traballos máis extensos.
  • Por que? Permite ao profesorado unha xestión e control eficiente do traballo do alumnado (o rexistro das publicacións mediante o seguimento, “follow”, aos blogs permite ver en todo momento qué se publica), aumenta as competencias dixitais do alumnado,  permite un aforro económico cuantitativo en material escolar, resulta máis ecolóxico…
  • Como? A seguir expoñemos as características principais que tería este caderno dixital do alumno:
    • Administrador e usuarios: blog persoal de cada alumno. O profesor poderá figurar tamén como usuario ou mesmo como administrador.
    • Privacidade: privado. O profesor terá a acceso a el, sexa convidado (contrasinal) ou como usuario do propio blog.
    • Xestión da conversa: non se permitirán comentarios.
    • Páxinas:
      • Principal: onde se irán publicando as diferentes actividades.
      • Quen son?: información do alumno.
    • Categorías: tipoloxía das actividades.
    • Público ao que está dirixido: profesorado.
    • Liña gráfica: sinxela e a mesma para todos os usuarios.
    • Periodicidade das publicacións: derivará das actividades propias da materia.
    • Ligazóns: irrelevante.
Advertisements