Etiquetas

, ,

wordpress_2_blog

Imos resumir o exposto na primeira das sesións do curso, isto é, o correspondente á configuración inicial e posta en funcionamento do noso blog.

1.- Alta

A través da páxina principal de WordPress, debemos acceder e encher o formulario que se nos presenta. Despois, deberemos confirmar o proceso desde a caixa do noso correo electrónico. Aquí tedes algunhas recomendacións que podedes ter en conta á hora de escollerdes o voso contrasinal.

2.- Configuración inicial.

Unha vez confirmado o proceso, xa teremos acceso ao “interior” de WordPress. Un dos primeiros pasos a dar será o de escollermos o idioma no que desexamos que estea a interface. Para iso, pasaremos o punteiro do rato pola icona da silueta humana que veremos na barra superior á dereita. Despois clicaremos en “Settings” e alí xa poderemos escoller a lingua coa que imos traballar en WordPress.

A seguir, volveremos pasar o punteiro pola silueta e clicaremos no nome do noso blog para accedermos ao panel do noso blog. A continuación faremos un repaso polos diferentes apartados do panel e veremos as súas diferentes posibilidades. Repasaremos os diferentes apartados que imos ver á nosa esquerda. Farémolo desde abaixo cara arriba e deténdonos nos aspectos que nos resulten máis interesantes. A barra superior (máis escura inicialmente) é sinxelamente explorable e non tardaredes en tirar uso, pois remite dun xeito máis directo ás diferentes funcións que encontraremos nos apartados da barra lateral esquerda.

3.- Preferencias

    1. Xeral. Escoller título e subtítulo do blog (pode que o subtítulo non se vexa nalgúns temas), formatos de data e hora, idioma e imaxe icónica do blog.
    2. Escrita. Configuración xeral da escrita dos artigos e ligazóns, así como a definición das súas características predeterminadas.
    3. Lectura. Configuración de lectura para as persoas que visiten o noso blog. Escolla da páxina inicial do mesmo (páxina dos artigos ou unha páxina fixa), número de artigos que aparecerán na páxina dos artigos, etc.
    4. Conversa. Xestión dos comentarios. É moi importante deterse neste apartado e escoller conscientemente que opcións deixamos marcadas. Lembrade que a finalidade e os contidos do noso blog definirán claramente cómo debemos proceder a este respecto.
    5. Multimedia. Podemos, por exemplo, definir o tamaño predefinido á hora de introducirmos imaxes nos nosos posts ou páxinas.
    6. Compartir.
      1. Divulgar. Conectar o noso blog aos nosos perfís en diferentes redes sociais para compartir, deste xeito, os contidos que publiquemos.
      2. Sharing buttons. Escolla e configuración dos botóns  que ficarán ao pé dos nosos posts para que os visitantes poidan compartilos.
    7. Avisos de cambios. Interesante cando existen máis dun usuario con posibilidade de crear e modificar contidos nun blog.

4.- Ferramentas

Este apartado vainos resultar de interese, sobre todo, nestas situacións:

    1. Cando queiramos importar un blog que crearamos con anterioridade. Opción “importar”.
    2. Cando queiramos eliminar de xeito permanente o blog. Opción “eliminar o blogue”.
    3. Cando queiramos exportar o noso blog ou gardar un arquivo XML que o conteña. Opción “exportar”.

5.- Usuarios

Xestión dos usuario con acceso ao blog. Aquí e aquí podedes ver información sobre os diferentes roles que se poden dar a estes. No apartado “Opcións persoais” tamén podedes personalizar diferentes aspectos para cada un dos usuarios.

6.- Aparencia.

    1. Temas. Escoller un tema de entre os moitos que WordPress pon á vosa disposición. Empregade a función “Vista previa” para comprobar como ficaría o voso blog antes de activar un determinado tema. É importante que atendades ás opcións que permite e non permite cada un.
    2. Widgets. Pequenas aplicacións coas que dotaremos á nosa páxina. Actívanse arrastrándoas desde o apartado “Widgets dispoñibles” aos recadros das diferentes áreas do noso tema. Unha vez insertados nas diferentes áreas, cada widget ten unha determinada configuración. O mellor é que analicedes cada un dos widgets e comprobedes que proveito podedes tirar de cada un.

Os apartados “Opción do tema”, “Cabeceira”, “Fondo”… dependerán do tema que teñades escollido. Probade as diferentes configuracións que vos permita o tema escollido.

7.- Comentarios

Listaxe de comentarios que se realizasen no blog. Podedes rexeitalos, eliminalos, respondelos, marcalos como spam…

8.- Páxinas

    1. Todas as páxinas. Listaxe de todas as páxinas que crearamos. Podemos acceder á súa edición, á súa edición rápida ou mesmo eliminalas. Pasando o punteiro por riba de cada unha aparecerán estas opcións. Lembrade que, alén das opcións básicas como “permitir comentarios” ou “contrasinal”, é interesante a configuración que lle deamos ás páxinas nestes dous aspectos:
      1. Pai: se queremos que unha páxina fique baixo a xerarquía doutra.
      2. Ordenar: o número que situemos neste apartado será a orde na que aparecerá con respecto ao resto de páxinas do noso blog.
    2. Engadir páxina: crear unha nova páxina. O editor é idéntico ao dun artigo ao que se engaden as opcións “Atributos da páxina”.

9.- Ligazóns

    1. Todas as ligazóns. Listaxe de todas as ligazóns que crearamos. O menú é similar ao que xa vimos para as páxinas e ao que veremos para os artigos.
    2. Engadir ligazón. Formulario para engadir ligazóns á nosa listaxe. É importante, por riba de todo, que cubramos os seguintes apartados: nome, enderezo na web, descrición, categorías e destino. Ao pé de cada un destes apartados, encontraredes unha descrición da súa función.
    3. Categorías das ligazóns. Podedes crear, xestionar, configurar e eliminar as categorías nas que clasificaredes as ligazóns que vaiades creando.

10.- Multimedia

    1. Biblioteca. Listaxe de elementos (arquivos) que fomos incluíndo no noso blog, sexa nos artigos, nas páxinas ou a través do apartado “Engadir ficheiro”.
    2. Engadir ficheiro. Permítenos subir un arquivo ao noso blog. Lembra que unha vez subido, cada arquivo vai ter un enderezo URL propio.

11.- Artigos

    1. Todos os artigos. Listaxe de artigos creados (publicados ou non). Podemos acceder á súa edición ou á súa edición rápida.
    2. Engadir artigo. Creación dun artigo novo.
    3. Categorías. Creación e xestión das categorías ás que pertencerán cada un dos artigos.
    4. Etiquetas. Listaxe de etiquetas empregadas até a data. Podedes engadir descricións ás xa empregadas que faciliten a súa interpretación por parte dos visitantes.

Estes son, grosso modo, as principais funcións do blog que deberedes empregar desde un comezo. A través do traballo con elas será como vos familiarizaredes con elas e veredes todo o rendemento que podedes obter destas. No caso de que teñades dúbidas, sempre podedes acceder ao apartado de axuda da propia plataforma WordPress.

Advertisements