Repaso: primeiros pasos en WordPress

Etiquetas

, ,

wordpress_2_blog

Imos resumir o exposto na primeira das sesións do curso, isto é, o correspondente á configuración inicial e posta en funcionamento do noso blog.

1.- Alta

A través da páxina principal de WordPress, debemos acceder e encher o formulario que se nos presenta. Despois, deberemos confirmar o proceso desde a caixa do noso correo electrónico. Aquí tedes algunhas recomendacións que podedes ter en conta á hora de escollerdes o voso contrasinal.

2.- Configuración inicial.

Unha vez confirmado o proceso, xa teremos acceso ao “interior” de WordPress. Un dos primeiros pasos a dar será o de escollermos o idioma no que desexamos que estea a interface. Para iso, pasaremos o punteiro do rato pola icona da silueta humana que veremos na barra superior á dereita. Despois clicaremos en “Settings” e alí xa poderemos escoller a lingua coa que imos traballar en WordPress.

A seguir, volveremos pasar o punteiro pola silueta e clicaremos no nome do noso blog para accedermos ao panel do noso blog. A continuación faremos un repaso polos diferentes apartados do panel e veremos as súas diferentes posibilidades. Repasaremos os diferentes apartados que imos ver á nosa esquerda. Farémolo desde abaixo cara arriba e deténdonos nos aspectos que nos resulten máis interesantes. A barra superior (máis escura inicialmente) é sinxelamente explorable e non tardaredes en tirar uso, pois remite dun xeito máis directo ás diferentes funcións que encontraremos nos apartados da barra lateral esquerda.

3.- Preferencias

    1. Xeral. Escoller título e subtítulo do blog (pode que o subtítulo non se vexa nalgúns temas), formatos de data e hora, idioma e imaxe icónica do blog.
    2. Escrita. Configuración xeral da escrita dos artigos e ligazóns, así como a definición das súas características predeterminadas.
    3. Lectura. Configuración de lectura para as persoas que visiten o noso blog. Escolla da páxina inicial do mesmo (páxina dos artigos ou unha páxina fixa), número de artigos que aparecerán na páxina dos artigos, etc.
    4. Conversa. Xestión dos comentarios. É moi importante deterse neste apartado e escoller conscientemente que opcións deixamos marcadas. Lembrade que a finalidade e os contidos do noso blog definirán claramente cómo debemos proceder a este respecto.
    5. Multimedia. Podemos, por exemplo, definir o tamaño predefinido á hora de introducirmos imaxes nos nosos posts ou páxinas.
    6. Compartir.
      1. Divulgar. Conectar o noso blog aos nosos perfís en diferentes redes sociais para compartir, deste xeito, os contidos que publiquemos.
      2. Sharing buttons. Escolla e configuración dos botóns  que ficarán ao pé dos nosos posts para que os visitantes poidan compartilos.
    7. Avisos de cambios. Interesante cando existen máis dun usuario con posibilidade de crear e modificar contidos nun blog.

4.- Ferramentas

Este apartado vainos resultar de interese, sobre todo, nestas situacións:

    1. Cando queiramos importar un blog que crearamos con anterioridade. Opción “importar”.
    2. Cando queiramos eliminar de xeito permanente o blog. Opción “eliminar o blogue”.
    3. Cando queiramos exportar o noso blog ou gardar un arquivo XML que o conteña. Opción “exportar”.

5.- Usuarios

Xestión dos usuario con acceso ao blog. Aquí e aquí podedes ver información sobre os diferentes roles que se poden dar a estes. No apartado “Opcións persoais” tamén podedes personalizar diferentes aspectos para cada un dos usuarios.

6.- Aparencia.

    1. Temas. Escoller un tema de entre os moitos que WordPress pon á vosa disposición. Empregade a función “Vista previa” para comprobar como ficaría o voso blog antes de activar un determinado tema. É importante que atendades ás opcións que permite e non permite cada un.
    2. Widgets. Pequenas aplicacións coas que dotaremos á nosa páxina. Actívanse arrastrándoas desde o apartado “Widgets dispoñibles” aos recadros das diferentes áreas do noso tema. Unha vez insertados nas diferentes áreas, cada widget ten unha determinada configuración. O mellor é que analicedes cada un dos widgets e comprobedes que proveito podedes tirar de cada un.

Os apartados “Opción do tema”, “Cabeceira”, “Fondo”… dependerán do tema que teñades escollido. Probade as diferentes configuracións que vos permita o tema escollido.

7.- Comentarios

Listaxe de comentarios que se realizasen no blog. Podedes rexeitalos, eliminalos, respondelos, marcalos como spam…

8.- Páxinas

    1. Todas as páxinas. Listaxe de todas as páxinas que crearamos. Podemos acceder á súa edición, á súa edición rápida ou mesmo eliminalas. Pasando o punteiro por riba de cada unha aparecerán estas opcións. Lembrade que, alén das opcións básicas como “permitir comentarios” ou “contrasinal”, é interesante a configuración que lle deamos ás páxinas nestes dous aspectos:
      1. Pai: se queremos que unha páxina fique baixo a xerarquía doutra.
      2. Ordenar: o número que situemos neste apartado será a orde na que aparecerá con respecto ao resto de páxinas do noso blog.
    2. Engadir páxina: crear unha nova páxina. O editor é idéntico ao dun artigo ao que se engaden as opcións “Atributos da páxina”.

9.- Ligazóns

    1. Todas as ligazóns. Listaxe de todas as ligazóns que crearamos. O menú é similar ao que xa vimos para as páxinas e ao que veremos para os artigos.
    2. Engadir ligazón. Formulario para engadir ligazóns á nosa listaxe. É importante, por riba de todo, que cubramos os seguintes apartados: nome, enderezo na web, descrición, categorías e destino. Ao pé de cada un destes apartados, encontraredes unha descrición da súa función.
    3. Categorías das ligazóns. Podedes crear, xestionar, configurar e eliminar as categorías nas que clasificaredes as ligazóns que vaiades creando.

10.- Multimedia

    1. Biblioteca. Listaxe de elementos (arquivos) que fomos incluíndo no noso blog, sexa nos artigos, nas páxinas ou a través do apartado “Engadir ficheiro”.
    2. Engadir ficheiro. Permítenos subir un arquivo ao noso blog. Lembra que unha vez subido, cada arquivo vai ter un enderezo URL propio.

11.- Artigos

    1. Todos os artigos. Listaxe de artigos creados (publicados ou non). Podemos acceder á súa edición ou á súa edición rápida.
    2. Engadir artigo. Creación dun artigo novo.
    3. Categorías. Creación e xestión das categorías ás que pertencerán cada un dos artigos.
    4. Etiquetas. Listaxe de etiquetas empregadas até a data. Podedes engadir descricións ás xa empregadas que faciliten a súa interpretación por parte dos visitantes.

Estes son, grosso modo, as principais funcións do blog que deberedes empregar desde un comezo. A través do traballo con elas será como vos familiarizaredes con elas e veredes todo o rendemento que podedes obter destas. No caso de que teñades dúbidas, sempre podedes acceder ao apartado de axuda da propia plataforma WordPress.

Advertisements

Os blogs na aula: proposta interdisciplinar

Etiquetas

, , ,

coristanco

Ben, agora imos ir un paso alén das propostas restrinxidas a unha única disciplina. Imos lanzar unha proposta que comprendería diferentes áreas e que ficarían conectadas, na práctica, a través dos blogs.

A proposta abranguería as seguintes áreas: lingua e ciencias naturais.

  1. Nome: Roteiro interactivo
  2. Contidos.
    1. Lingua e literatura
    2. Ciencias naturais
    3. Emprego de blogs e ferramentas 2.0
  3. Obxectivos.
    1. Elaborar un roteiro interactivo dentro do concello de Coristanco.
    2. Dar visibilidade ao proxecto mediante o emprego dun blog e ferramentas 2.0.
    3. Dotar ao roteiro de contidos:
      1. Relacionados coa lingua e a literatura: toponmia, lendas, cantigas…
      2. Relacionados co medio: zooloxía, botánica, xeoloxía…
  4. Desenvolvemento:
    1. Organización temporal.
      1. Presentación da actividade. Creación de grupos de traballo. Creación e configuración do blog [1 sesión]
      2. Elaboración do roteiro e percorrido deste [2 sesión+1 xornada]
      3. Creación de contidos [3 sesións]
      4. Sinalización do roteiro. Emprego de códigos QR [1 sesión]
    2. Material e instalacións. A actividade desenvolverase tanto nunha aula de informática como no exterior do recinto, no propio roteiro.
    3. Características do blog.
      1. Administrador e usuarios: o profesorado será o administrador. Cada grupo do alumnado terá acceso como “usuario colaborador”.
      2. Privacidade: público.
      3. Xestión da conversa: o administrador deberá aprobar os comentarios antes de seren publicados.
      4. Páxinas:
        1. Principal: información de cada un dos puntos do roteiro.
        2. Roteiro: mapa do roteiro e puntos de interese.
        3. O proxecto: descrición da actividade e dos grupos que a conforman.
      5. Categorías: fixaranse atendendo ao tipo de contidos (lingüísticos, literarios, zoolóxicos, botánicos…)
      6. Público ao que está dirixido: público en xeral.
      7. Liña gráfica: sinxela, clara e representativa da finalidade do proxecto.
      8. Periodicidade das publicacións: os artigos farán referencia a cada un dos puntos do roteiro. Nun futuro poderán marcarse novos puntos ou variantes do roteiro, para o que se poderán engadir máis artigos no blog.
      9. Ligazóns: ligazóns de interese relacionadas cos contidos informativos e información de relevancia do concello.
  5. Proposta de actividades.
    1. Creación do roteiro.
    2. Creación de contidos.
    3. Sinalización e dinamización do roteiro.
  6. Avaliación. Avaliación continua durante o desenvolvemento do proxecto.

Como se observa, o blog funcionará como nexo, servirá para coordinar as tarefas e mais será, xunto co roteiro, o propio produto final derivado do traballo do alumnado.

Actividade: o blog na aula

Etiquetas

, ,

1959Computer_lg

Agora que vimos algunhas propostas de uso dos blogs en diferentes dinámicas de aula, imos probar a realizar a nosa propia achega.

Fixaremos primeiro se o blog vai ser o centro da nosa proposta ou se o imos empregar como unha ferramenta de apoio. A seguir, desenvolveremos unha proposta de acción na aula. Podemos empregar o modelo exposto no anterior artigo ou usar un que se axeite mellor á nosa proposta.

O que realmente nos importa é centrar a nosa exposición no apartado das características e configuración do(s) blog(s) que farán parte da nosa.

Para realizar esta actividade publicaredes un artigo no voso blog coa vosa proposta e, a continuación, publicaredes un comentario neste artigo coa ligazón ao voso exercicio.

Os blogs na aula: exemplo de uso

Etiquetas

, , ,

typewriter_girl

Ben, vimos de ver moitas das posibilidades que nos permite WordPress. Traballamos ao redor da súa organización, das diferentes configuracións de privacidade ou apariencia, do establecemento dunha política sobre os comentarios… todo orientado e guiado pola finalidade e o uso que lle vaiamos dar a esta ferramenta. Ademais, percorremos, un por un, os diferentes elementos que poden formar parte dos artigos dun blog: textos, imaxes, arquivos e elementos externos.

Agora é o momento de empregar estas ferramentas para o deseño de propostas para a aula. Non se trata, logo, de amosar un modelo de traballo único, de nos pechar a un marco ríxido. Non. Debemos intentar tirar rendibilidade das múltiplas posibilidades de uso que nos ofrece para mellorar a experiencia na aula.

Achegaremos, a modo de exemplos, unha serie de posibles usos concretos e diferentes dinámicas para a aula nas que se empregarían blogs, sexa como eixe central destas, sexa como ferramenta dentro dunha programación superior.

Exemplo 1. Blog como eixe central

Unha proposta na que o blog sexa o eixe central é a do uso del como un pequeno xornal do alumno. A proposta que se vai amosar está pensada para unha aula de lingua e literatura. Non imos a nos deter por exceso nos contidos e competencias a desenvolver a través da actividade, faremos fincapé no emprego e configuración do blog.

  1. Contidos. Redacción de novas e artigos xornalísticos.
  2. Obxectivos. Aumentar coñecementos e competencias na redacción de textos de tipo xornalístico e as características dun blog persoal.
  3. Desenvolvemento:
    1. Organización temporal.
      1. Creación e configuración dos blogs [1 sesión]
      2. Creación e xestión de contidos, de xeito guiado [6 sesións]
      3. Presentación e defensa final do traballo realizado [1 sesión]
    2. Material e instalacións.
      1. A actividade desenvolverase nunha aula informática con acceso á Internet.
    3. Características do blog.
      1. Administrador e usuarios: blog persoal de cada alumno, un único usuario administrador.
      2. Privacidade: público
      3. Xestión da conversa: o administrador (o alumno) deberá aprobar os comentarios antes de seren publicados.
      4. Páxinas:
        1. Principal: onde irán subidas as novas e as actividades realizadas polo alumno.
        2. Quen son?: perfil do alumno autor do blog. Mesmo modelo para todo o alumnado.
        3. Que é isto?: descrición da actividade. A mesma para todo o alumnado.
      5. Categorías: a fixarse segundo a tipoloxía programada para os artigos (novas, artigos de opinión, entrevistas…)
      6. Público ao que está dirixido: ao propio alumnado, mais tamén aberto ao público en xeral.
      7. Liña gráfica: fixada mediante certas pautas por parte do profesorado.
      8. Periodicidade das publicacións: cada sesión de aulas, coa posibilidade de que se elaboren contidos fóra da aula (dependendo do acceso a equipos informáticos con conexión á rede do alumnado).
      9. Ligazóns: blogroll cos blogs dos seus compañeiros de aula.
  4. Proposta de actividades.
    1. Redacción de artigos: crónicas, novas, artigos de opinión, entrevistas, investigacións…
    2. Exercicios de escrita creativa: elaborar novas a partir de titulares dados, elaborar novas a través de imaxes dadas, elaborar novas a partir dun comezo dado…
    3. Emprego de elementos multimedia: creación de vídeos orixinais, integración de son nos artigos, integración de presentacións…
    4. Dinamización e xestión da conversa: realizacións de enquisas online.
  5. Avaliación. Avaliación continua durante o desenvolvemento da actividade e tamén avaliación tras a defensa realizada na última sesión na aula.

Exemplo 2. Blog como ferramenta

Agora imos propoñer o uso do blog na aula para unha programación non centrada neste, senón como unha ferramenta de uso. Isto é, a creación do blog non fará parte dos contidos centrais, mais si que axudará no desenvolvemento da programación. A seguinte proposta, ademais, non se vai centrar nunha materia en concreto e fica aberta á súa adaptación e modificación para cada un dos marcos de coñecemento do ensino que queiramos abarcar.

Propoñemos o emprego do uso do blog como un caderno do alumno. Imos definilo e ver as súas posibilidades:

  • Que? Un blog persoal de cada alumno no que publicará e elaborará as actividades propostas na aula, sexan actividades do día a día, sexan traballos máis extensos.
  • Por que? Permite ao profesorado unha xestión e control eficiente do traballo do alumnado (o rexistro das publicacións mediante o seguimento, “follow”, aos blogs permite ver en todo momento qué se publica), aumenta as competencias dixitais do alumnado,  permite un aforro económico cuantitativo en material escolar, resulta máis ecolóxico…
  • Como? A seguir expoñemos as características principais que tería este caderno dixital do alumno:
    • Administrador e usuarios: blog persoal de cada alumno. O profesor poderá figurar tamén como usuario ou mesmo como administrador.
    • Privacidade: privado. O profesor terá a acceso a el, sexa convidado (contrasinal) ou como usuario do propio blog.
    • Xestión da conversa: non se permitirán comentarios.
    • Páxinas:
      • Principal: onde se irán publicando as diferentes actividades.
      • Quen son?: información do alumno.
    • Categorías: tipoloxía das actividades.
    • Público ao que está dirixido: profesorado.
    • Liña gráfica: sinxela e a mesma para todos os usuarios.
    • Periodicidade das publicacións: derivará das actividades propias da materia.
    • Ligazóns: irrelevante.

Repaso dúbidas da última sesión

Etiquetas

, , , , , ,

Vou intentar dar resposta a algunhas das dúbidas que xurdiron na última sesión do curso. Agardo que vos sirvan de axuda e que non esquecer ningunha. Caso de que teñades máis cuestións, podedes achegalas a través dos comentarios deste ou doutras das publicacións deste blog.

  • Exportar un blog desde Blogger/Blogspot a WordPress

Como xa comentei ao remate da aula con algunhas de vós, pasar dun Blogger/Blogspot a WordPress é bastante complicado. Polo pouco que puiden indagar, só é medianamente factible caso de que nos fagamos usuarios de pagamento en WordPress. Déixovos un par de ligazóns onde explican como podemos proceder.

  1. Migrar de Blogger a WordPress: la guía definitiva
  2. ¡Pasa de Blogger a WordPress!

Para importardes artigos ou comentarios, podedes probar a seguinte secuencia:

Panel > Ferramentas > Importar > Blogger

A partir de aí, podedes seguir as instrucións. Como vedes, podemos importar contidos desde unha ampla variedade de plataformas weblog.

  • Problemas para subir vídeos de Youtube nas publicacións

Aquelas persoas que tiñan problemas ao intentar incrustar vídeos de Youtube e elementos doutras plataformas (tede en conta a listaxe de plataformas compatibles con WordPress), comprobade que tedes esta configuración no apartado de configuración Multimedia en:

Panel > Preferencias > Multimedia

Caso de persistir o problema, lembrade que poderedes incrustar un elemento dunha plataforma externa empregando, dentro do editor de texto, a seguinte secuencia:

Engadir multimedia > Insert from URL

Aí só teredes que introducir o enderezo de Youtube correspondente ao vídeo que desexedes incrustar na vosa publicación e clicar en “Insert into post”.

  • Subir arquivos en Blogger/Blogspot

Segundo estiven consultando, non podemos subir arquivos nun Blogger/Blogspot do mesmo xeito que o facemos en WordPress. Todas as respostas que encontrei indican que debemos depender de servizos externos.Aquí recomendan o uso de Dropbox e aquí, por exemplo, o uso de FileDen.

Como vedes, outro argumento a favor do uso de WordPress.

Actividades: elementos externos

Etiquetas

, , , ,

Nesta actividade deberedes incluír nunha publicación contidos relacionados coa materia que imparte cadaquén. Cada un dos contidos incluídos deberán estar introducidos por un texto de presentación.

  1. Un vídeo de Youtube ou Vimeo.
  2. Unha presentación de SlideShare

Exemplo, “A transición española”

Un documental no que se trata de explicar, desde unha perspectiva plural, os factores que desencadearon o proceso de cambio na historia de España.

Presentación na que se detallan algunhas das claves do proceso da transición democrática.

Creando artigos (4 de 4): elementos externos

Etiquetas

, , , ,

rodaxe

Nun blog, ademais dos elementos que xa vimos que podemos incluír mediante o editor de texto, tamén se nos permite incluír elementos externos a el. É dicir, podemos empregar servizos doutras plataformas desde a nosa propia páxina.

WordPress facilita a inclusión desta clase de elementos dunha serie de plataformas de uso habitual e das que é doado beneficiarnos á hora de desenvolver programas educativos.

Mediante a sinxela introdución no corpo do texto do enderezo exacto da páxina na que estea publicado o contido que nos desexamos, poderemos incluír na nosa publicación elementos das seguintes plataformas:

Seguide a explicación do monitor para comprobar o xeito de incluírmos esta clase de elementos nas nosas publicacións.

Como podemos ver, isto abre unha infinidade de posibilidades á hora de desenvolvermos actividades educativas. Desde a inclusión de vídeos relacionados con certa materia (Youtube, Vimeo, Blip.tv), a presentacións (SlideShare) pasando por o uso de sons (SoundCloud). As ferramentas son múltiplas, só depende de nós o uso que saibamos darlle.

[Ligazón de interese: información sobre cómo incluír elementos externos en WordPress [EN] ]

Creando artigos (3 de 4): os arquivos

Etiquetas

Unha vez que xa vimos como subirmos imaxes para incluír nas nosas publicacións, o proceso a seguirmos para incluír outras clases de arquivos é moi parecido.

Os tipos de arquivos que permite cargar WordPress na actualidade son:

  • Imaxe: jpg, jpeg, png, gif.
  • Publicación e texto: pdf, doc, odt, docx.
  • Presentación: ppt, ppsx, pptx, pps.
  • Folla de cálculo: xls, xlsx.

Isto abre un amplo marco de posibilidades de traballo na aula. Algúns exemplos serían:

  • Publicación nos blogs dos alumnos de traballos en PDF.
  • Publicación de arquivos de texto editables (doc, odt, docx) con actividadespara que o alumnado o descargue e o publique en formato non editable na súa propia páxina.
  • Compartir desde o blog do profesor de presentacións empregadas na aula ou como material de apoio.
  • Recompilación en follas de cálculo de información sobre alumnado en posts privados dirixidos a nais e pais.